Monday 13 de May de 2024

O concello saca a licitación o proxecto de mellora do Sendeiro de Saldoiro


O orzamento ascende a 88.500 e será cofinanciado por Turismo de Galicia..

O Concello vén de sacar a licitación a execución do proxecto de mellora dos elementos de protección dun sector do paseo marítimo de Caión, en concreto do tramo do Sendeiro de Saldoiro que comunica a praza Eduardo Vila Fano co acceso principal á praia.

O proxecto pretende a posta en valor da fachada marítima da vila cunha intervención que procura o múltiplo obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade e, ao mesmo tempo, embelecer e revitalizar o espazo como destino turístico.

Entre as actuacións a levar a cabo destaca a renovación da varanda de madeira no citado tramo, incluíndo as escaleiras intermedias de baixada aos areais do Caracoleiro e das Salseiras. Farase con material e deseño sostibles, empregando na construción madeira autóctona, esteticamente axeitada e adaptada á contorna. O proxecto culminarase coa mellora da sinalización e a instalación de novo mobiliario urbano.

A intervención está valorada en 88.500 euros e será cofinanciada pola axencia Turismo de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas. Toda a documentación está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público.